domingo, 2 de marzo de 2014

Artigo aparecido no Diario de Ferrol, acerca da nosa TeleLudy, o 23 de febreiro do 2014.

Na foto, o profe Xil cos seus alumnos do obradoiro de televisión.

O colexio Ludy amplía a súa rede multimedia coa posta en marcha dunha televisión escolar

Primeiro foi a prensa escrita, despois a radio e agora tamén a televisión. E todo con selo propio. O colexio Ludy pode presumir de ter os seus propios medios de comunicación, todos eles creados cunha clara finalidade pedagóxica. Ás revistas “O mensaxeiro Ludicol” –dixital– e “Compa” –con máis de trinta anos de historia–, uníase o pasado curso a creación da radio escolar –desenvolvida polos alumnos de 6ª de Primaria– e este ano a da televisión –da que se encargan os de 5º curso–.
Estes dous últimos proxectos naceron da man dos profesores Miguel Castro e Xil López co obxectivo de dar a coñecer de maneira crítica e construtiva, e tamén activa, os medios de comunicación, fomentando ao mesmo tempo o desenvolvemento da creatividade nos propios nenos, “pois falamos de medios onde o alumnado ten unha gran amplitude de posibilidades e, onde sen dúbida, os nenos son protagonistas”, comenta Castro.
potenciar
Ademais, engade, potencian o traballo en grupo e fomentan o emprego da lingua galega entre os rapaces. “O alumnado perde este medo a falar en galego e se dan conta que ese medo unicamente o tiñan polo feito de non practicalo. Cando perciben que é a lingua natural para ese contexto, perden toda a vergoña e comenzan a desenvolverse con total naturalidade”, apunta o profesor e xefe de estudos.
Pero ademais, os obradoiros de radio e televisión convertéronse nunha excelente opción para ocupar a hora semanal da materia de Atención Educativa (a alternativa á Relixión Católica). “Moitas veces atópanse nos centros educativos espazos baleiros nesta materia, e sen dúbida é unha pena, porque este espazo pode dar lugar a integrar nas clases regradas actividades que poden ser moi creativas”, comenta Castro.
Ao igual que xa sucedera co de radio o pasado curso, a idea de pór en marcha un obradoiro de televisión suscitou un gran interese por parte dos alumnos de 5º de Primaria.
“Esa hora semanal comezou sendo unha especie de charla-coloquio dirixida para tratar o tema dos medios de comunicación e en concreto a posibilidade de arrancar unha televisión o colexio. Desde o primeiro momento a motivación foi predominante e abondosas as propostas e ideas que xurdían (elaboración da mosca, estrutura dos primeiros programas, manexo do software de edición así como dos focos e cámara, conceptos básicos que permitirían poñernos no primeiro trimestre a gravar e producir os primeiros programas”, explica Xil López, o profesor encargado do desenvolvemento da actividade.
Lonxe de presentarse como un traballo rutinario, os escolares fan fronte cada nova semana  aos diferentes cometidos que se lles encomendan: desde crear o guion literario, ata buscar o material multimedia na web para os cromas ou vídeos varios, así como facer de reporteiros nas aulas ou gravar os propios programas coa axuda de todo o equipo técnico (son, iluminación, telepromter e cámaras).
Entre os moitos contidos transversais que se traballan a través deste obradoiro, López salienta a redacción e lectura dos propios guións ou ampliación da competencia matemática, dixital e coñecemento do medio social e cultural. “Estamos a traballar con ángulos lumínicos para evitar sombras, manexamos software de edición de son e vídeo e recollemos información sobre todas aquelas actividades culturais e tradicionais que se celebran durante o curso”, engade o profesor.
“O noso programa estrela “Axenda Escola” enfróntanos á realidade periodística, á liberdade de pensamento do individuo fronte á liberdade de información. O neno ou nena está a crear algo útil para si e para os demais, ao servizo de toda a comunidade educativa”, apunta López.

Ningún comentario:

Publicar un comentario